17 de enero de 2016

Os métodos de aprendizaxe de linguas estranxeiras

Hoxe en día, son os métodos comunicativo e o método por tarefas os que triunfan sobre o resto dos métodos. Tanto un coma outro xorden en mans de lingüistas británicos. O método comunicativo aparece a finais dos anos 60 do século XX das mans de Candlin e Widdowson. Baséase, como o seu propio nome o indica, na potenciación da competencia comunicativa. É dicir, na interacción oral e natural dos alumnos. O obxectivo fundamental é a creación de diálogo, de frases coas que os alumnos se poidan defender nunha situación comunicativa real. Como evolución do enfoque comunicativo, nace nos anos 90 o enfoque por tarefas, no que todo o que o alumno fai na aula cobra sentido porque todo se enfoca a un obxectivo final.

Ademais destes dous, existen outros como o de gramática-tradución, o directo e o método do silencio que tamén podemos clasificalos como métodos europeos. O método gramática-tradución naceu en Alemania e consideraba a lingua escrita como máis pura que a oral, polo que se traballa fundamentalmente a competencia da expresión escrita e da tradución. En canto ao método directo, tamén coñecido como método Berlitz, a lingua meta é a única posible na ensinanza de linguas e a única destreza que se usa é a competencia da comprensión oral. Nunca se traduce, pero si se corrixen os erros do alumnado. E, para rematar este grupo, o método do silencio ou método Gattegno caracterízase por darlle especial relevancia á pronunciación. As letras píntanse de diferentes cores e faise énfase na forma de pronunciar palabras foneticamente parecidas.

Se cruzamos o charco, podemos encontrarnos co método natural ou método de Gouin, co método oral ou ensinanza situacional, co método audiolingüe, coa resposta física total e coa suxestopedia. O método de Gouin nace en Boston en 1860 e consiste nunha serie de preguntas e respostas. Apréndese sen recurrir á lingua materna, pero si contando coa mímica e coa música. Outra forma de concebir a ensinanza de linguas é o método situacional, creado por Palmer e Hornby. Como o seu nome indica, a aprendizaxe da lingua céntrase en situacións comunicativas concretas. Pola súa banda, o método audiolingüe ou método Fries baséase na corrente conductivista de estímulo-resposta. O importante é a repetición que se practica a través de drills. A resposta física total e a suxestopedia, son porén as que máis difiren dos dous métodos anteriores. As dinámicas da resposta física total son en movemento e preténdese desenvolver unha actividade física ao mesmo tempo que se ensina un idioma. Porén, no lado contrario temos a suxestopedia. Este método utiliza a relaxación e un ambiente adecuado para a aprendizaxe. Crese que o ambiente zen é fundamental para que o alumno desenvolva as súas capacidades. Tampouco están permitidas as correcións, pois pénsase que pode cohibir ao suxeito.

Para rematar e despois de resumir moi brevemente cada método gustaríame concluir que todos teñen os seus aspectos positivos. Ben combinados e tendo en conta a situación, todos eles poderían ser usados de maneira fructífera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario